Friday 03 de May de 2024

A Xunta prestará apoio técnico ao concello de Oza-Cesuras na elaboración das novas bases topográficas para a redacción do seu PXOM


O director do Instituto de Estudos do Territorio e o rexedor mantiveron recentemente un encontro no que perfilaron a colaboración para que o municipio poida acceder aos datos e información dispoñibles nas ferramentas empregadas polo organismo

A Xunta prestará apoio técnico ao Concello de Oza-Cesuras para o desenvolvemento de novas bases topográficas dos núcleos urbanos e tamén do resto do municipio. O obxectivo é que cumpran todos os parámetros e especificacións necesarias para conseguir a homoxeneidade da cartografía oficial e a súa adaptación ás bases topográficas urbanas de Galicia (BTUG) e ás bases topográficas de Galicia (BTG), aprobadas pola comisión de coordinación de sistemas de información xeográfica e cartográfica da comunidade.

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, e o rexedor do municipio coruñés, Pablo González, mantiveron recentemente un encontro no que acordaron colaborar neste sentido.

O apoio do organismo dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda permitirá ao Concello acceder aos datos e a información técnica dispoñible nas distintas ferramentas de estudo do territorio.

Entre eses recursos dispoñibles atópanse os voos fotograméticos e a rede hidrográfica do municipio así como apoio na elaboración dos pregos técnicos e o control de calidade e cumprimento das especificacións técnicas das bases topográficas.